domingo, 13 de julio de 2014

Liberdade azul

Atópome coa testa contra o muro
Convócome a min mesma como quen olla un pozo.
Volta un neno perdido
por rúas de fume
Eu ollo, desolada
o bulir da xente,

a carreira de persoas que esqueceron que son persoas,
o escorregar duns entre os outros,
as miradas que non miran a ningures,
os ollos que non ven a ninguén
Ánimas,
entre formigón macizo, duro,
frío
entre fume negro, denso,
quente
entre luces de cores
que non iluminan nada.
Esquecéronse das emocións,
agora son índices de beneficio
disfrazados de índices de felicidade
Corpos valeiros,
xa non son humanos,
xa non son persoas.
Son man de obra.
Son capitalismo.
consumismo
materialismo
números vestidos de traxe,
atados,
presos.
Volta un neno perdido
por rúas de fume.
Corre.
Liberdade azul.
                                   Autora: Iría Asperez Balboa.
                                  1º Premio no Certame Literario de Sanxenxo

No hay comentarios:

Publicar un comentario